19 de xan de 2016

Vázquez Taín será sometido ás preguntas do alumnado de Miño

Xeral

Vázquez Taín será sometido ás preguntas do alumnado de Miño


O maxistrado galego visitará o municipio miñense o vindeiro luns para ser entrevistado polos estudantes do C.P.I. Castro Baxoi. O acto terá lugar no centro social da Rúa e comezará ás 16.00 horas.


 

 Xuez_Jose-Vazquez-Tain

O luns 25 de xaneiro o xuíz José Antonio Vázquez Taín asistirá a Miño para ser, esta vez el, sometido ás preguntas do alumnado que participa na Radio Miñoca, unha canle feita polos estudantes do C.P.I. Castro Baxoi.


O maxistrado galego cuxo nome foi unha constante nos últimos anos tanto por instruír casos como o roubo do Códice Calixtino ou o crime de Asunta Basterra ou pola súa faceta literaria con novelas, que para algúns suscitaron comparacións cos asuntos que instruía, como "A lenda do santo oculto" ambientada na catedral compostelá, "Ao inferno chégase rápido" ou a obra que analiza crimes famosos "Matar non é fácil". Agora, Vázquez Taín está citado no centro social da Rúa, en Miño,  para responder ás inquietudes do alumnado de 1º e 4º da ESO que participa na radio escolar


O xuíz estará desde as 16.00 h no centro social respondendo todas e cada unhas das dúbidas dos estudantes, que non nos deixarán indiferentes. O acto presentarao un alumno, Antonio, e a entrevista será conducida por outros dous máis, Alba e Roberto. Este cuestionario, que durará arredor dunha hora, estará constituído por unhas 16 preguntas que nos permitirán coñecer un pouco máis o maxistrado que se fixo famoso por tratar asuntos moi amargos tanto nos xulgados como nas súas obras. Unha vez concluídas as preguntas, chegará o momento para o resto de asistentes que poderán presentar as súas cuestións a Taín.


Ademais, unha vez finalizada a rolda de preguntas, e para rematar a xornada, Vázquez Taín procederá á sinatura das súas obras para todos aqueles que queiran ter un recordo dun dos maxistrados máis populares de Galicia que chegou a ter apelativos tales como "O Garzón galego" ou "O Robin Hood de Vilagarcía".


Se non poden asistir á entrevista, o Concello de Miño poñerá á súa disposición todo o audio a través da súa páxina web.


Doutra banda, en Librería Pilar poderán conseguir os exemplares literarios de Vázquez Taín para o evento (http://on.fb.me/1Stwq2E)

Anterior Seguinte