Información Recursos Turísticos de Miño

Arquitectura Relixiosa

Igrexa de Santa María de Castro

Encostada a capela dos Condes de Vigo. De estilo barroco, do século XVIII. Aínda a súa orixe foi unha igrexa románica do século XVI. Na súa planta rectangular desenvólvese unha soa nave. O espazo entre a nave e o presbiterio realízase a través dun arco triunfal semicircular. O exterior concentra a escasa decoración na fachada principal. Sobresae a espadana dobre adornada por pináculos.

Capela dos “Condes de Vigo”

Encostada á igrexa de Sta María de Castro. Estilo: Barroco. Cronoloxía: S. XVIII. Na súa planta rectangular desenvolve unha soa nave. No seu interior destacan os sartegos dos Condes de Vigo: Juan Martínez Tenreiro de Montenegro e a súa muller María Piñeiro de Lago, decorados co escudo de armas familiar, obra do século XVI. O exterior concentra a escasa decoración na fachada principal, realizada toda ela con boas pezas de sillería. Destaca un escudo do século XVIII, no cal aparecen os emblemas dos señores do pazo de Vigo, hoxe desaparecido.

Capela da nosa Señora Inmaculada

Curiosamente a romaría que ten lugar é a de San Paio, o 24 de agosto. Atópase moi preto do Pazo de San Paio.

Pazo de San Paio (Bañobre)

Pertencente aos Condes de Vigo. Hoxe funciona como colexio. No seu interior garda unha importante colección de cadros.

Igrexa de San Pedro de Perbes

Igrexa de estilo barroco. Presenta unha planta rectangular onde se desenvolve unha soa nave. O interior é moi sobrio dende o punto de vista ornamental, destacando o retablo do altar maior de características neoclásicas. Aos pés da nave sitúase un coro alto. O exterior concentra a decoración na fachada principal; no seu eixo vertical central superpóñense a porta de entrada, un pequeno van abucinado e, rompendo a cornixa, a base da espadana de dous corpos, o primeiro composto por tres machones que dan lugar aos ocos das campás, mentres que o segundo está formado por un corpo central flanqueado por pináculos.

Igrexa de San Xulián de Carantoña

Esta ingresa é de estilo barroco, e destaca o seu cruceiro.

Igrexa de San Salvador de Leiro

Denominación: igrexa parroquial de San Salvador de Leiro. Cronoloxía: S. XX. Estilo: Ecléctico. Presenta unha planta en forma de cruz onde se desenvolve unha nave divida en tramos e con cabeceira rematada nunha ábsida poligonal. O interior é moi sobrio dende o punto de vista ornamental. Aos pés da nave sitúase un coro alto. O exterior busca a monumentalidade e concentra a decoración na fachada principal.

Igrexa de Santa María de Miño

Igrexa de estilo neogótico, construída no século XX. Presenta unha planta rectangular onde se desenvolven tres naves. O interior está revestido de branco excepto as esquinas e os arcos que presentan pedra á vista. A nave central cóbrese con bóveda de canón, sustentada por arcos apoiados sobre alicerces de planta cadrada, que delimitan o espazo correspondente as naves laterais. O exterior concentra a decoración na fachada principal, que mostra características propias do estilo ecléctico. Sobresae a torre campanario. Dispón de cuberta a dúas augas con cubrición de tella curva. Destaca o cruceiro.

Capela de San Xoán de Area

Data do ano 1833, foi trasladada polos veciños, dende as rocas no cruzamento do río Lambre coa ría de Betanzos. A inscrición no dintel di: “D. JACOBO GARCÍA FÍXOA ANO 1833”, tras anos de abandono, foi restaurada polos veciños en 1981.

Ermida de San Ramón

Ascendendo cara a Bra, en Sombreu (parroquia Santa María de Miño), atopamos a pequena capela de San Ramón. É de interese turístico a gran devoción dos veciños de Miño durante a romaría en honra a San Ramón, o 31 de Agosto.

Igrexa de Santo Tomé de Bemantes

Denominación: igrexa parroquial de Santo Tome de Bemantes. Estilo: Barroco. Posúe unha estrutura arquitectónica de planta rectangular, e un corpo lateral, engadido a un dos muros do presbiterio, que funciona como sancristía. O paso da nave ao presbiterio, abovedado, faise a través dun arco triunfal. Os muros de carga, presentan cantería de pedra, con excepción dalgunhas zonas, que pode ser debido a diferente etapas de construción ou ben a derrubamentos producidos ao longo do tempo. O interior presenta unha gran austeridade, nel destaca a pila bautismal de estilo románico, situada aos pés do arco triunfal. Nos muros laterais ábrense tres arcos góticos e unha porta rematada nun arco de medio punto, á beira da cal se atopa un sartego antropomorfo do século XII. O exterior concentra a decoración na fachada principal, que foi remodelada no século XVIII segundo canons barrocos. Sobresae a espadana de dous corpos, o primeiro composto por tres contraforte que dan lugar aos ocos onde se sitúan as campás, mentres que o segundo está formado por un corpo central flanqueado por pináculos. A fachada principal, de composición simétrica e reformada no S. XVIII. No seu interior destaca unha pila bautismal románica ben conservada, no exterior apréciase un sepulcro, urna funeraria do S. XII e un conservado cruceiro. [En 1607 era rexentada en unión do beneficio de Santa María de Miño, polo “pai-cura”, do mosteiro de Montefaro e elixido polo Capítulo Conventual dende o S. XIV.]

Cruceiro de Callobre

Autor do cruceiro: Clemente Dopico 1851. Está situado no cruzamento de camiños entre a igrexa de San Xoán e o Pazo de Callobre. Consta, no remate, unha cruz labrada, no anverso coa imaxe de Cristo Crucificado e no reverso coa imaxe da Virxe.

Igrexa de San Xoán de Callobre

Denominación: igrexa parroquial de San Xoán de Callobre. Estilo: Barroco. Cronoloxía: S. XVIII. O interior é moi sobrio dende o punto de vista ornamental. De planta de cruz latina, o espazo entre o presbiterio e as capelas laterais resólvese mediante arcos de medio punto. Destacan a pila bautismal, de características románicas, e os altares coas imaxes de San Xoán e a Dolorosa. Aos pés da nave sitúase un coro alto. O exterior concentra a decoración na fachada principal. Sobresae a espadana. Destacan dous reloxos de sol, un na esquina da fachada principal e outro no lateral da epístola, que datan do ano 1814.

Capela de Nosa Señora de Guadalupe

De estilo barroco galego. Anexa á Capela está a Fonte de Augas Santas.

Fonte de Augas Santas

Anexa á capela de Guadalupe (de estilo barroco, Callobre). Reza a lenda, que hai que beber da fonte, rezar tres pai nosos, unhas cantas aves marías e librámonos do mal de ollo e da envexa.