02 de feb de 2026

CONTINÚA O PROGRAMA "COCIÑA MARIÑEIRA"

Emprego, Turismo, Deporte, Promoción Económica e Tecido Asociativo

Emprego Turismo Deporte Promoción Económica Tecido Asociativo

 

O Concello de Miño presentou este martes 3 de febreiro unha nova edición do programa “Cociña Mariñeira”, nun acto no que participaron Manuel Vázquez Faraldo, alcalde de Miño; José Manuel Pantín, concelleiro delegado do Servizo de Deporte, Turismo, Promoción Económica e Xuventude, José Antonio Anido Núñez, presidente do GALP Ártabro Norte e patrón maior da Cofradía de Pescadores de Miño e Miguel Estévez Campos, secretario da Cofradía de Pescadores de Miño.

"Cociña Mariñeira” é unha iniciativa impulsada polo Concello de Miño que ten como obxectivo poñer en valor os produtos do mar e promover actividades formativas dirixidas ao sector da hostalería. O proxecto conta co apoio do GALP Ártabro Norte, a través dos Fondos FEMPA (Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura).

O programa consta de seis obradoiros formativos impartidos na Casa do Pescador de Miño, nos que se traballará o coñecemento dos produtos mariños, a súa correcta selección e as diferentes técnicas culinarias para a súa elaboración. A través desta formación práctica, preténdese afondar na tradición gastronómica mariñeira e fomentar a innovación na cociña, sempre desde o respecto polo produto local e de proximidade.

Esta iniciativa busca contribuír á posta en valor da riqueza mariñeira da zona, reforzando a identidade gastronómica de Miño e promovendo unha cociña baseada na calidade, na sostenibilidade e no aproveitamento responsable dos recursos do mar.

O programa enmárcase no compromiso do Concello de Miño co desenvolvemento do sector hostaleiro, apostando pola formación continua como unha ferramenta clave para mellorar a competitividade dos establecementos, a calidade do servizo ofrecido e o prestixio da gastronomía local.

Con esta nova edición de “Cociña Mariñeira”, o Concello reafirma a súa aposta por iniciativas que contribúan ao crecemento económico do municipio, á profesionalización do sector e á conservación e difusión da tradición culinaria mariñeira.

Anterior Seguinte